A programación de Festican, que se celebrará este sábado, día 26, no parque canino de Silleda, comezará ás 10:00 horas coa recepción das mascotas. A xornada, organizada polo Concello de Silleda, reunirá durante toda a mañá diferentes exhibicións, demostracións e actividades abertas ao público.
A partir das 10:30 horas iniciaranse as distintas exhibicións, con propostas de trucos e habilidades, obediencia, agility e busca de persoas. Destacan as participacións da educadora canina Mónica Giadás, acompañada dos seus Border Collies Yoshi e Nazan; Serafín López con Kia nunha demostración de agility e habilidades; e José María Pérez, acompañado de Lenda do Club de Can de Palleiro, cunha exhibición de trucos e busca de persoas.
Ás 12:00 horas celebrarase o concurso para elixir á mascota co mellor disfrace. Posteriormente, abriranse as pistas para que público e mascotas poidan participar en actividades de agility e obediencia. A entrega de premios está prevista para as 13:45 horas.
Entre as novidades desta edición figura a participación de Mónica Giadás, educadora canina e instrutora de Obediencia FCI pola Real Sociedad Canina de España. Nada en Andorra e con raíces familiares en Forcarei e San Fiz, en Silleda, instalouse en Galicia en 2024. Giadás estará acompañada dos seus Border Collies Nazan e Yoshi, quen conta cunha destacada traxectoria competitiva.
Festican conta novamente coa implicación do adestrador canino silledense Tony Lanzó e de Valentín González, así como do presidente do Club do Can de Palleiro, Diego Conde. Suma este ano a colaboración de Felipe López, criador de pastores australianos en Dornelas, cuxo exemplar Bubela de Asseconia foi campioa de España de beleza este verán. Tamén Carriza de Asseconia acadou o premio ao mellor exemplar na categoría BIS Xoves no XIX Concurso Nacional Canino.
A organización tamén contará coa colaboración das voluntarias do programa municipal de xestión das colonias felinas. O Concello de Silleda convida á veciñanza a participar neste encontro que combina o carácter lúdico cunha vertente divulgativa para promover o benestar animal e a tenza responsable.




