A intervención arqueolóxica, adxudicada a A Citania Arqueoloxía, iniciou os seus traballos na zona do parque da Praza da Igrexa de Silleda. Este procedemento dá continuidade á aparición de restos óseos durante as obras de reforma deste espazo público.
A reforma do parque contaba coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que esixía a comunicación inmediata de calquera achado de restos durante os traballos. Foi o Concello quen seguiu este procedemento cando, durante os movementos de terras do 22 e 23 de agosto, se atoparon restos humanos.
Tras a comunicación formal do Concello á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o luns 24 de agosto, Patrimonio determinou a necesidade dunha intervención arqueolóxica de urxencia. As medidas inclúen unha escavación manual de 145 metros cadrados, oito sondaxes e a revisión do material xa extraído baixo control arqueolóxico.
O obxectivo desta actuación é documentar os restos e o espazo, coñecer as características do antigo ámbito funerario e determinar as condicións para retomar a reforma da praza. Esta zona formou parte do antigo cemiterio parroquial ata principios do século XX.
A alcaldesa e responsable municipal de Obras e Urbanismo, Paula Fernández, indicou que o Concello de Silleda traballa para que o procedemento se desenvolva con rigor, respecto polo patrimonio e celeridade, seguindo as indicacións técnicas e administrativas de Patrimonio Cultural.
A previsión é completar canto antes a intervención arqueolóxica para poder retomar as obras de renovación do parque da Praza da Igrexa.




