O Concello da Coruña deu a coñecer hoxe as 32 actuacións seleccionadas pola veciñanza nos Orzamentos Participativos 2026, un proceso que destinará 2.513.230 euros a investimentos municipais. A alcaldesa, Inés Rey, destacou o elevado nivel de participación e o coñecemento directo das necesidades dos barrios reflectido nas propostas.
Nesta edición presentáronse 436 propostas, das cales 102 foron consideradas viables tras a análise técnica. As iniciativas elixidas abarcan melloras no espazo público, zonas verdes, accesibilidade, mobilidade, equipamento urbano, lecer, deporte e biodiversidade, distribuídas polos dez distritos da cidade.
Entre os proxectos seleccionados figuran actuacións no Mercado de San Agustín, novas plantacións de arborado, creación e renovación de áreas infantís, melloras en espazos públicos, hortas urbanas, áreas caninas e equipamentos veciñais. Ademais, elixíronse seis proxectos de ámbito cidade cun investimento conxunto de 513.500 euros, como a instalación de fontes públicas e refuxios de biodiversidade urbana.
A alcaldesa subliñou que o novo modelo de Orzamentos Participativos busca garantir proxectos viables e executables. "Non queriamos que a cidadanía tivese que escoller entre ideas que despois non se puidesen materializar", explicou. O seguinte paso será a aprobación dos resultados nos órganos municipais, coa previsión de iniciar o desenvolvemento e execución durante os anos 2027 e 2028.
Inés Rey agradeceu a implicación cidadá e salientou que os Orzamentos Participativos permiten construír cidade desde os barrios e as necesidades cotiás. "Participar é corresponsabilizarse coa cidade, pensar no espazo que compartimos e contribuír a melloralo", concluíu.




