A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha reunión co alcalde de Lalín, José Crespo, co obxectivo de abordar diversos proxectos municipais destinados a mellorar o servizo de saneamento na localidade pontevedresa.
Ambos os representantes coincidiron na importancia de seguir desenvolvendo iniciativas que garantan un servizo de augas eficiente e de calidade para a veciñanza. Estas actuacións serán avaliadas polo persoal municipal e técnicos de Augas de Galicia.
As melloras previstas complementarán as xa realizadas coa construción do tanque de tormentas de Pontiñas e dos colectores interceptores, que xa supuxeron un aumento da capacidade de almacenamento da rede de saneamento fronte a episodios de choiva e unha maior capacidade de depuración na EDAR.
A conselleira lembrou o compromiso do Goberno galego de ofrecer apoio técnico e económico aos concellos para optimizar o exercicio das súas competencias en materia de abastecemento e saneamento.




