A edil rexistrou un escrito no Concello de Lalín este sábado, onde explica que a súa saída se debe a unha falta de coherencia coas posicións defendidas durante a campaña electoral. Segundo o seu comunicado, non comparte o "xiro político" que, ao seu xuízo, está a desdibuxar a identidade do grupo co que se presentou ás eleccións.
“"Non comparto o xiro político que desdebuxa a nosa identidade de grupo."
A pesar da ruptura política, a concelleira subliñou que a súa decisión "non ten carácter persoal" e expresou o seu agradecemento tanto ao portavoz do grupo como ao resto dos seus compañeiros, destacando a súa "calidade humana". Asegurou que seguirá exercendo o seu labor desde o respecto e cunha actitude construtiva.
Entre os principais puntos de discrepancia, a edil mencionou diferenzas no modelo de xestión municipal, especialmente en política económica e orzamentaria. Mostrouse crítica co incremento do patrimonio inmobiliario do Concello e con investimentos como o proxecto da gran praza, que considera de elevado custo económico. Argumenta que eses recursos poderían destinarse a reforzar servizos públicos, fomentar o emprego ou ampliar o gasto social.
“"Son contraria a sobrecargar o concello de inmobles, que non só hai que adquirilos, hai que mantelos, pagar os subminístroos e dotalos de persoal. O proxecto da gran praza supuxo unha inversión millonaria e todo o que queda por acometer."
Tamén expresou o seu desacordo coa folla de ruta orzamentaria impulsada polo actual goberno local, particularmente coas contas municipais de 2026. Explicou que, durante a votación deste asunto no pleno, optou por ausentarse para non romper a disciplina de voto do partido, aínda que deixou claro o seu rexeitamento a un aumento da presión fiscal sobre a cidadanía. Reivindica un modelo de administración pública baseado na "prudencia" e considera que o endebedamento debe facerse "con sentidiño".
De cara ao futuro, a concelleira recoñece que afronta un período de reflexión persoal a un ano das próximas eleccións municipais. No escrito non descarta continuar en política, pero tamén contempla a posibilidade de abandonar a vida pública para centrarse na súa actividade profesional e dedicar máis tempo á familia e amizades. Asegura que, mentres manteña a súa acta, seguirá defendendo o que considera mellor para o Concello, actuando con independencia e fidelidade ao programa electoral.




