A Consellería do Medio Rural informou da extinción do incendio forestal rexistrado na parroquia de Oleiros, en Silleda. O lume, que se iniciou ás 22.49 horas do pasado xoves, afectou finalmente unha superficie de 67,4 hectáreas. Delas, 57,35 corresponden a monte raso e 10,05 a zonas arboradas.
Para a súa extinción mobilizáronse un total de 20 axentes, 28 brigadas, 28 motobombas, 3 pas, 3 técnicos, 3 avións e 3 helicópteros.
A Consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085 para alertar sobre calquera lume forestal. Ademais, a aplicación móbil ALume permite avisar sobre incendios activos en Galicia. Tamén existe un teléfono anónimo e gratuíto, 900 815 085, para denunciar actividades incendiarias sospeitosas.
Toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas pode consultarse na conta de X @incendios085.




