O organismo provincial aprobará este venres na súa Xunta de Goberno a concesión destes fondos, que se enmarcan dentro do plan +Provincia. A partida destinará preto de 160.000 euros á rede de augas residuais e uns 260.000 euros ás intervencións viarias.
No núcleo de Maceira Boa, o proxecto contempla a instalación dunha nova rede conectada á existente, incluíndo pozos de rexistro e de resalto. As tubaxes das acometidas domiciliarias terán un diámetro de 16 centímetros, mentres que o colector principal será de 25 centímetros para asegurar a estanquidade da infraestrutura.
Pola súa banda, as melloras nos camiños municipais afectarán a varios núcleos rurais. En Graba actuarase en Barreiro e Pedrouzo; en Cervaña, en Alfonsiños e Ouzande; e en Cortegada, en Caporrapado e A Revolta. Os traballos consistirán na rehabilitación superficial do firme e na limpeza e perfilado das cunetas para optimizar a drenaxe.




