Hai aproximadamente dous anos, Cuiña comunicou aos seus compañeiros a súa intención de non volver concorrer aos comicios municipais de Lalín. Tras meditar a decisión xunto á súa familia e achegados, confirmou que a súa etapa na política municipal rematará ao finalizar o presente mandato.
O político de Compromiso por Lalín foi claro ao afirmar que "non serei candidato á alcaldía de Lalín, nin irei en ningunha lista electoral". Non obstante, expresou o seu "agradecemento para o pobo de Lalín e a inmensa honra de ter sido o seu alcalde", un orgullo que afirma levará "ata o derradeiro día da miña vida".
Segundo o seu xuízo, o exercicio da política desde posturas "completamente inmobilistas e uniformes" resulta "sumamente complicado". Cuiña argumentou que a política está condicionada non só pola ideoloxía e os valores, senón tamén polos "momentos, as circunstancias vitais e as propias persoas", defendendo a evolución persoal como un "mecanismo de aprendizaxe, de adaptación e incluso de superación".
A pesar de non concorrer a futuras eleccións, Cuiña deixou entrever que non abandonará a política: "todo isto non significa que vaia deixar a política dentro dun ano, porque sabedes que é un mundo que me gusta e porque, modestamente, penso que aínda podo axudar". Engadiu que "onde toque, cando toque e co convencemento de que o futuro dirá, mais será sempre tendo presente de onde veño, para que sexa lexítimo onde vou".
Ademais, Cuiña considera que Lalín "non é unha praza fácil para desenvolver políticas de consenso por riba de intereses partidarios", unha situación que se ve agravada pola "polarización que se ve na política española" e que, segundo el, "sen dúbida trasládase tamén ao noso Concello". Lamentou que algúns non comprendan que "sumar é o que demanda unha sociedade cansa de tanto enfrontamento e de tanta mediocridade televisada".
Nas redes sociais, Cuiña agradeceu "de corazón a todas e todos os que me apoiaron", mostrou o seu respecto "aos que non me entenderon" e pediu "desculpas sinceras polos erros que sen dúbida tiven". Con todo, mostrou o convencemento de que a súa etapa política "resultou útil para contribuír a Lalín sexa mellor".
Tamén tivo palabras de agradecemento para os concelleiros que formaron o goberno de coalición, mencionando especificamente a Teresa, Iria e Miguel, de quen destacou a "lealdade e comprensión". Tamén agradeceu o traballo de Teresa Varela, que "finalmente decidiu coller outro vieiro no seu labor de oposición", e que conta co seu "respecto e afecto persoal".




