O edil Xerardo Díaz Casal subliñou que a formación nacionalista comeza a traballar para ofrecer á veciñanza "o cambio que quere e que precisa", apelando á necesidade de abrir unha nova etapa no municipio.
A deputada no Parlamento galego Ariadna Fernández enmarcou a candidatura de Erea Rey na continuidade dun traballo colectivo, destacando que "Erea colle o testemuño de maneira exemplar" co obxectivo de levar o BNG á alcaldía.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, puxo en valor a experiencia de goberno do BNG, defendendo a posibilidade de construír unha "alternativa sólida, próxima e transformadora" para Silleda.
Erea Rey reivindicou o traballo realizado nos últimos anos, destacando o seu compromiso por "unha Silleda chea de vida: unha Silleda onde a xente nova poida quedar, onde haxa servizos no rural e onde se goberne con transparencia e diálogo".
A candidata tamén fixo fincapé no carácter colectivo do seu proxecto, contrapoñendo os "20 anos de goberno do PSOE en Silleda" cos "20 anos de goberno do BNG en Tomiño", sinalando diferenzas na planificación e no proxecto.
Rey concluíu cunha mensaxe clara: "Silleda merece moito máis" e "Silleda quere cambio. E o cambio é o BNG".




