O evento deportivo e solidario reuniu seleccións femininas da Garda Civil, da Policía Nacional e da Policía Local da Coruña. O obxectivo principal foi contribuír á visibilización e apoio das persoas afectadas pola esclerose lateral amiotrófica (ELA) e das súas familias.
A competición desenvolveuse en formato triangular, con tres encontros de 25 minutos. Ademais da parte deportiva, a xornada incluíu actividades para achegar os corpos de seguridade á cidadanía, como demostracións do Servizo Cinolóxico e a presenza de motocicletas de Tráfico e vehículos patrulla.
A iniciativa tamén contou con diferentes vías de colaboración económica coa asociación Grupo Compost-ELA. O público puido realizar unha entrada-donativo de cinco euros e participar nunha rifa solidaria. Tamén se habilitou unha 'fila cero' para colaboracións económicas e empresas locais contribuíron aos gastos de organización.
Belén do Campo destacou a capacidade do deporte para unir institucións, corpos de seguridade, tecido empresarial e cidadanía arredor dunha causa solidaria. Lembrou tamén que a Xunta ten aberta a cuarta convocatoria de axudas autonómicas de 12.000 euros destinadas aos afectados por ELA, cun prazo de solicitude aberto ata o 3 de novembro.




