O espazo, situado na parte traseira do centro educativo, conta cunha superficie de 348 metros cadrados e está equipado con 206 butacas, tres prazas para persoas en cadeira de rodas, escenario, camerinos, almacén e zonas técnicas, ademais dunha área para a gravación de actividades.
A arquitectura do auditorio busca integrarse na contorna, cunha cuberta a dúas augas para a entrada de luz cenital e unha gran fiestra orientada cara á carballeira, promovendo a conexión visual coa natureza. A súa forma ovalada foi deseñada para adaptarse á configuración do centro e á pendente do terreo.
A construción do novo salón de actos, que substitúe ao antigo espazo que quedara pequeno e obsoleto, foi posible aproveitando un tramo da carballeira e a retirada dalgunhas árbores en mal estado, buscando sempre a adaptación a unha contorna considerada idílica.
Tras a visita, o alumnado de Música de cuarto de ESO do centro interpretou pezas como 'Moonlight Shadow' de Mike Oldfield e 'Black Sabbath' do grupo homónimo, ofrecendo unha pequena actuación ao conselleiro.
Esta intervención forma parte do Plan Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta, que xa destinou un total de 1,5 millóns de euros a obras en centros educativos de Chantada. Interevencións anteriores incluíron melloras no colexio Xoán de Requeixo (máis de 460.000 euros) e no IES Val do Asma (preto de 300.000 euros).
“"Estamos a falar, en todos os casos, de obras moi importantes para mellorar a comodidade diaria da comunidade escolar chantadesa."




