A actividade formativa, de 20 horas de duración, desenvolverase na casa da cultura de Chantada os martes e xoves, en horario de 16:00 a 18:00. Está destinada a persoas maiores de 16 anos, ou que os fagan no ano 2026, que desexen adquirir ou mellorar as súas competencias en lingua galega e coñecementos sobre a cultura de acollida. Non se requiren coñecementos previos, xa que as clases se adaptarán a diferentes niveis.
Os participantes adquirirán nocións básicas de lingua galega, como vocabulario e expresión oral e escrita, ademais de coñecementos sobre a cultura e historia de Galicia, incluíndo festas, tradicións, gastronomía e música. Tamén se ofrecerán recursos prácticos para a comunicación diaria.
Durante as cinco sesións de traballo, abordaranse temas como a fonética, o alfabeto, regras de pronunciación, vocabulario esencial, construción de frases sinxelas, comprensión oral e escrita, e interacción oral. Tamén se fomentará a conciencia cultural para contextualizar o idioma.
Este curso é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través da Secretaría Xeral da Lingua, coa colaboración do Concello de Chantada como membro da Rede de Dinamización Lingüística. Cada asistente recibirá un diploma acreditativo expedido pola Consellería.
Os obxectivos principais son fomentar a integración e a inclusión sociocultural das persoas participantes, xa que aprender o idioma do país de acollida é esencial, e incrementar o número de falantes do galego aproveitando o potencial da chegada de novas persoas a Galicia.
As inscricións poden realizarse na casa da cultura do concello de Chantada ou chamando ao teléfono 982 441 752. As prazas son limitadas a 20 asistentes e cubriranse por orde de inscrición.




