As pintadas apareceron nas casetas de madeira do Miradoiro do Muíño de Vento, unhas instalacións que se atopan en proceso de rehabilitación. Ademais, pintadas similares tamén se detectaron na marquesiña do colexio Baño-Xanza. Dende hai semanas, estes actos incívicos tamén proliferan noutros espazos públicos e privados das parroquias de Valga, como carteis de obras, sinais, muros e fachadas de vivendas.
Ante esta escalada de danos, a administración local fixo un chamamento á responsabilidade cidadá e á colaboración veciñal para protexer o patrimonio municipal. "Resulta desalentador que se estean a investir fondos no acondicionamento de espazos e infraestruturas para que, acto seguido, os vándalos acaben con todo", sinalou o goberno local.
O vandalismo en Valga acumula outras incidencias recentes, como desperfectos continuos nos baños públicos do Parque Irmáns Dios Mosquera, roubos de cable eléctrico, o furto de adoquíns de pedra no embarcadoiro de Santa Cristina, subtracción de mobiliario en áreas de lecer e de tramos de varanda de madeira das fervenzas, e destrozos nas instalacións deportivas do Muíño de Vento.
O Concello agarda que a intervención da Garda Civil permita identificar aos responsables destes atentados contra o patrimonio municipal.




