Durante a visita, os comerciantes puideron comprobar a distribución dos postos e avaliar as necesidades específicas de cada establecemento, especialmente en canto a mostradores, zonas de almacenamento e conexións eléctricas. "Queremos que os establecementos participantes dispoñan de instalacións adaptadas ás súas necesidades e que poidan preparar con antelación a súa actividade na Praza do Nadal", sinalou a alcaldesa.
Os espazos xa contan con iluminación e cadros eléctricos. Os hostaleiros deberán remitir nos próximos días a relación de aparellos eléctricos que utilizarán e as súas necesidades de potencia. A empresa coordinadora centralizará estas peticións para trasladalas ao equipo de montaxe. Tamén se prepararán as baldas e os andeis necesarios e facilitaranse os letreiros identificativos dos postos.
A Praza do Nadal contará con cinco postos gastronómicos e de hostalería nos que participarán 13 establecementos, que se alternarán en tres quendas ao longo das festas: unha primeira de dez días e outras dúas de aproximadamente quince días cada unha.
A oferta gastronómica combinará propostas doces e salgadas, con repostería artesanal, roscóns de Reis, panettones, turróns, galletas, churros con chocolate quente, gofres e outros doces tradicionais do Nadal. Tamén haberá bocadillos de salchicha, focaccias, faláfel, táboas de embutidos, cafés e diferentes bebidas, entre outras especialidades. Esta rotación permitirá renovar a oferta e dar cabida a diferentes negocios.




