O Concello de Valga foi o escenario de múltiples actuacións levadas a cabo polo alumnado da especialidade de Carpintaría do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia. Estas accións estiveron orientadas á renovación e acondicionamento de espazos públicos, equipamentos e elementos patrimoniais do municipio.
Entre os traballos realizados atópanse o acondicionamento do valado de protección na contorna das Fervenzas de Parafita, garantindo así a seguridade dos visitantes. Tamén se mellorou o peche perimetral no xacemento Igrexa Vella. No ámbito do patrimonio e os espazos naturais, substituíuse o valado de madeira no miradoiro do Monte de Beiro e reparáronse e pintaron as aspas do Muíño de Vento.
En canto ás infraestruturas comunitarias, destaca a construción e instalación de illas de contedores nos lugares de Gándara e Casal de Eirigo, co obxectivo de integrar estes puntos de recollida de residuos e reducir o seu impacto visual. Ademais, creouse novo mobiliario para oficinas municipais e acometéronse melloras no colexio Xesús Ferro Couselo, como a colocación dunha nova varanda nas escaleiras e un novo peche para a área de xogos infantil.
Pensando na celebración do Nadal, restaurouse e pintou o autobús de madeira que decora os exteriores do Belén Artesanal. Con anterioridade, os mesmos aprendices xa arranxaran integralmente unha pasarela de madeira sobre o río Valga, no lugar de Souto (Campaña).
O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia é unha iniciativa conxunta dos concellos de Valga, Moraña e Portas. O programa forma a vinte persoas desempregadas destes municipios, combinando formación teórica e práctica profesional en carpintaría e traballos forestais para mellorar a súa empregabilidade mentres executan obras de interese social.




