A actividade, enmarcada na iniciativa «Contigo, A Mariña reanima», ten como obxectivo achegar á cidadanía coñecementos esenciais para actuar ante unha emerxencia sanitaria e concienciar sobre a importancia dunha intervención rápida ante unha parada cardiorrespiratoria.
A formación será impartida polo Grupo de Simulación In Situ do Hospital Público da Mariña e está dirixida á poboación en xeral, buscando a participación de persoas de diversas idades e colectivos do municipio.
Durante a sesión abordaranse os pasos fundamentais da cadea de supervivencia, incluíndo o recoñecemento dunha posible parada cardiorrespiratoria, a solicitude de axuda, o inicio das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) e a utilización dun desfibrilador externo semiautomático (DESA).
O propósito é proporcionar coñecementos básicos para identificar unha situación de emerxencia e saber como actuar mentres chegan os servizos sanitarios.
A participación é gratuíta, pero requírese inscrición previa debido ao número limitado de prazas. As persoas interesadas poden inscribirse nas oficinas municipais ou chamando ao teléfono 982 135 011.
O Concello destaca a importancia da participación de todas as franxas de idade, xa que unha emerxencia sanitaria pode ocorrer en calquera momento e lugar.




