A campaña «Produtos da terra e o mar, verbas da casa» foi presentada na Praza de Abastos de Pontecesures, coa presenza da Alcaldesa, Maite Tocino Barreiro, e o Concelleiro de Promoción Económica, Roque Araujo Rey, xunto coas praceiras e os praceiros. A iniciativa busca unir dous elementos fundamentais: a lingua galega e o comercio de proximidade.
A Praza de Abastos defínese non só como un lugar de compra, senón como un espazo de encontro e relacións cotiás onde o galego está presente de maneira natural. A campaña pretende pór en valor as palabras propias da nosa terra e do noso mar, fomentar o uso do galego na actividade comercial e reforzar o papel da Praza como motor de dinamización social e económica.
Como parte da iniciativa, as praceiras entregarán á clientela bolsas de compra co lema da campaña, levando así a mensaxe a prol da lingua e do comercio local ás rúas de Pontecesures. Mercar na lingua propia tamén se entende como unha forma de apoiar o comercio de proximidade, manter vivas as tradicións e contribuír á vida da vila.
Esta campaña foi financiada a través dunha subvención concedida pola Deputación de Pontevedra para actividades de dinamización da lingua galega durante o ano 2026.




