O seminario, titulado ‘Conectando Coñecemento: Retos e Oportunidades da Colaboración USC-UFU’, celebrouse de maneira virtual e tivo como obxectivo presentar as diferentes liñas de investigación nas que se pode desenvolver unha colaboración entre ambas as institucións. A xuntanza é froito dunha visita institucional da UFU en xullo, onde se reuniron coa vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta da USC, Almudena Hospido, e o vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento, Marcelo Maneiro.
A UFU, que conta cuns 26.000 estudantes e máis de 90 cursos superiores, está a desenvolver o seu Parque Tecnolóxico TecnoUFU, con novas capacidades no ámbito biotecnolóxico. As vías de colaboración enmárcanse no programa CAPES Global ‘Rede para Ciência Globalmente Relevante e Socialmente Responsável’, financiado pola CAPES, organismo que coordina a formación superior no Brasil. Este programa prevé máis de 900 desprazamentos de investigadores internacionais, e a UFU amosou interese en integrar persoal investigador da USC, especialmente en biotecnoloxía e sustentabilidade.
Na presentación institucional interviñeron a directora do Campus Terra da USC, Marta Miranda Castañón, e a directora de Innovación da UFU, Luciana Carvalho. Posteriormente, presentáronse proxectos de ambas as universidades. Pola UFU, participaron a profesora Vivian Goulart (Xenética Molecular e Nanobiotecnoloxía) e Roberta Torres (coordinadora do Programa de Post Graduación en Medicina Veterinaria). Pola USC, expuxeron os seus proxectos Ana Fresno Herrero (LREC-BEZESA, sobre microorganismos patóxenos e sector agroalimentario), Samira Hernández Faria de Moraes (BioMODEM, sobre sustentabilidade agropecuaria e Smart Farming), Alberto Ruano Raviña (Laboratorio de Radón de Galicia, CRETUS, IDIS) e Alba Pedrouso Fuentes (BIOGROUP_Group of Environmental Biotechnology).




