A localidade de Catoira acolle este sábado, 1 de agosto, a actuación do artista Mondra. O concerto, que se celebrará na avenida da Ponte ás 21:30 horas, enmárcase na nova edición do programa provincial +Música.
Esta iniciativa da Deputación de Pontevedra ten como obxectivo colaborar cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, ao mesmo tempo, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas.
Mondra presentará o seu espectáculo baseado no seu segundo traballo discográfico, “De ronda”. Baixo a dirección artística de Daniel Rodríguez, a proposta mestura música en vivo, danza e unha posta en escena visual, coa banda composta por Artur Puga, Julia Sánchez-Biezma, Xabi Gómez e Saínza Piñeiro, e as intérpretes de danza Sabela Domínguez e Jandros Rodríguez.
O concerto en Catoira forma parte dun total de 93 actuacións de +Música que se desenvolverán entre maio e decembro en 58 concellos da provincia. O programa conta cun orzamento de 700.000 euros, destinados a sufragar os custos dos espectáculos e a posicionar Pontevedra como un destino cultural de relevancia, promovendo a descentralización da cultura.




