A Xunta de Goberno provincial deu luz verde ao acordo entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Valga para executar o proxecto. A Deputación asumirá o 80% do orzamento, 709.000 euros, mentres que o Concello achegará o 20% restante, preto de 177.000 euros.
Na EP-8502 Valga-Baño executarase unha senda peonil de 220 metros e dúas zonas de convivencia. Esta actuación creará un espazo peonil seguro e continuo nunha contorna sensible polos equipamentos públicos existentes, como o CEIP Baño Xanza, a escola infantil municipal e o centro social. Tamén se renovará a capa de rodaxe, a recollida de augas pluviais, executaranse pasos sobreelevados e soterrarense liñas de electricidade e telecomunicacións, ademais de mellorar o alumeado público con LED.
Ademais, na EP-8502, reordenarase unha intersección perigosa coa creación de dúas glorietas e beirarrúas para facilitar o acceso peonil ao centro educativo e á gardería pública.
Pola súa banda, as obras na EP-8501 Valga-Os Martores, que afectan un treito de 110 metros, centrarase na mellora da mobilidade peonil na contorna do centro social de Valga, mediante a execución de beirarrúas, o acondicionamento de zonas axardinadas e a creación de zonas de estacionamento.
O presidente da Deputación, Luis López, sinalou que esta aprobación forma parte dun paquete de "tres cuestións relacionadas coa modernización e mellora para outras tantas estradas provinciais, que suman máis de 2,1 millóns de euros". Tamén se avanzou noutras actuacións en Lalín e Mos, subliñando o compromiso de "mellorar a nosa rede de estradas provinciais e avanzar na seguridade destas infraestruturas que son fundamentais para vertebrar o noso territorio".




