O Concello de Caldas de Reis trasladou formalmente á Deputación de Pontevedra un escrito no que se esixe un reforzo urxente da sinalización e da seguridade vial no contorno das obras que a institución provincial está a executar na estrada EP-8002. Esta vía conecta o casco urbano coa parroquia de San Clemente.
O documento recolle as protestas dun grupo de residentes que denunciaron a falta de planificación nos desvíos de tráfico. Segundo as reclamacións veciñais, os traballos comezaron sen antelación nin campaña informativa axeitada. A principal preocupación céntrase na seguridade das rutas alternativas para o transporte escolar, xa que os autobuses do IES Aquis Celenis deben circular por unha vía estreita onde conviven co tráfico xeral e o fluxo de peregrinos do Camiño Portugués.
Os residentes consideran que a sinalización actual é insuficiente e está mal ubicada, atopándose demasiado preto do punto de corte e deixando pouco marxe de manobra aos condutores. Proponse sinalizar os desvíos con moita máis antelación nos accesos previos.
O goberno municipal recoñece o impacto positivo e a necesidade da reforma na EP-8002, pero insiste en que a xestión da mobilidade durante as obras é mellorable. O alcalde, Jacobo Pérez, manifestou que as peticións veciñais son "asumibles e razoables" e confía na sensibilidade da Deputación.
O Concello de Caldas de Reis confía nunha resposta favorable da Deputación de Pontevedra para corrixir as deficiencias e amosou a súa predisposición a colaborar para axilizar a implantación de medidas correctoras que garantan a seguridade de condutores, estudantes e peóns.




