O pleno da Corporación de Caldas de Reis acordou na sesión plenaria ordinaria deste mes de xuño nomear ao Rei Afonso VII como Fillo Predilecto. Coñecido como Imperator Totius Hispaniae, o monarca histórico foi, segundo palabras do alcalde, Jacobo Pérez, "un dos persoeiros máis importantes da nosa historia, e posiblemente o máis influíente do noso municipio, polo que con esta distinción saldamos unha débeda histórica".
Desta forma, o Concello de Caldas de Reis completa o trámite para confirmar este recoñecemento a un dos monarcas españois máis coñecidos, quen logrou varias vitorias e éxitos en numerosas campañas. O Goberno local xa anunciara hai meses o inicio dos trámites, nun momento en que a figura do rei volve estar en primeira liña, coincidindo co 900 aniversario da súa coroación en 2025 (foi en 1135).
Esta acción súmase a outras iniciativas que buscan destacar a figura do monarca na localidade. A Asociación Cultural Terra Calda está a organizar charlas e coloquios, e ultimando a posta a punto dunha estatua en recordo de Afonso VII. "Desde o Concello imos continuar sumando esforzos para conseguir que a figura do rei que naceu no noso municipio, así como a súa traxectoria, sexa coñecida por toda a veciñanza, especialmente pola xente moza e as novas xeracións", explicou o rexedor.
O vínculo do monarca coa localidade tamén se reflicte no feito de que o CEIP Afonso VII leva o seu nome, así como unha das rúas principais do núcleo urbano.
O monarca Afonso VII, fillo de Dona Urraca e nacido en 1105, convértese así na segunda figura Fillo Predilecto do concello. O anterior foi Laureano Salgado, empresario e promotor industrial da localidade, recoñecido en 1929. Ademais, Caldas de Reis conta con dous fillos adoptivos: Raimundo García Domínguez, 'Borobó' (2006), e Maximino Rodríguez Buján, 'Máximo Sar' (2020).




