A responsable autonómica destacou a contribución de ambas actividades á conservación do patrimonio natural e a vontade de colaboración das entidades que as representan. Ángeles Vázquez sinalou que o seu departamento mantén un diálogo aberto con estes colectivos, que contan cunha gran tradición en Galicia, para fomentar boas prácticas e o respecto pola contorna.
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ofrece anualmente axudas para mellorar hábitats cinexéticos e para accións divulgativas e de vixilancia fluvial. Na última convocatoria, destináronse 270.000 euros aos Tecores e 50.000 euros ás sociedades de pesca para 2026. Ademais, asináronse convenios con 50 sociedades de pesca para achegarlles 2.000 euros a cada unha, destinados á compra de material para a sostibilidade dos ríos.
A normativa tamén introduciu melloras, como o carácter indefinido das licenzas de caza e pesca para maiores de 65 anos desde 2025, e a gratuidade para certos colectivos. Estas medidas buscan facilitar o relevo xeracional no colectivo de pescadores, cuxa idade media se sitúa entre os 50 e 70 anos.
Ademais, subscribiuse un convenio con outras nove comunidades para o establecemento de licenzas interautonómicas de pesca e caza, facilitando que os galegos poidan exercer estas actividades noutros territorios cunha única licenza.




