A Deputación de Pontevedra aprobará este venres en Xunta de Goberno unha achega de 260.000 euros para financiar a ampliación da rede de saneamento no concello de Caldas de Reis. A actuación, enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027, mellorará a calidade de vida da veciñanza ao instalar redes separativas para augas residuais e pluviais, ademais de ampliar a rede de abastecemento de auga potable.
O proxecto, que se distribuirá en tres tramos, inclúe actuacións específicas en Tivo-Pazo, onde se renovará o pavimento e se protexerán elementos patrimoniais como o Fonte-lavadoiro e o Cruceiro de Tivo. No tramo Pazo - Santa María executaranse novos colectores e acometidas domiciliarias, ampliarase a rede de abastecemento e repoñerase o firme. Na zona de Santa María, as redes manteranse coas mesmas características, e a reposición do pavimento limitarase ao ancho das gabias, xa que está prevista outra intervención da Deputación para a recuperación de espazos e a mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-8005.
O deputado provincial Ricardo Martínez destacou que estes recursos provinciais dan resposta ás demandas dos concellos, permitindo que "poidan facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza". Sinalou que plans como o +Provincia impulsan "actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Caldas de Reis".




