Tras catro décadas e media sen vivir unha xornada de tal magnitude, o club albinegro, que finalizou quinto no Grupo 2 da Preferente, enfróntase ao Betanzos, segundo do Grupo 1, nunha eliminatoria que promete ser igualada. Ambos os conxuntos destacaron por ser dos menos goleados nas súas respectivas ligas, o que anticipa un encontro intenso e táctico.
O adestrador do Antela, Bruno Gómez, recoñece a calidade do rival: "Imos medironos a un conxunto de nivel Terceira. Todos os seus xogadores xa xogaron nesa categoría, agás o lateral dereito, Javi Fernández. Colectivamente, saben moi ben a que xogan, son rochosos e arriscan moi pouco na saída de balón, xogando directo para despois combinar". Gómez tamén destacou a adaptabilidade do seu equipo, unha das súas virtudes, capaz de axustarse a diferentes estilos de xogo, aínda que subliña a importancia de "facer o noso fútbol, ter o balón e ser agresivos na área contraria".
A eliminatoria, que se xoga a dobre partido con posibilidade de prórroga e penaltis, podería influír na estratexia do primeiro encontro. O técnico local, que non ten baixas, sinala que "non é o mesmo xogar a volta en Betanzos, un campo parecido ao noso, que en San Tirso", polo que buscarán "o mellor resultado para chegar con opcións ao duelo da semana que vén".
Pola súa banda, o técnico do Betanzos, Claudio Corbillón, que non poderá contar co dianteiro André Poses, eloxiou ao Antela: "Gústame como xoga e como expón os partidos. Non o coñecía e chamoume a atención. Tamén encaixa pouco, polo que nese sentido é parecido ao noso. Se se pon por diante é un equipo perigoso e domina moi ben as transicións". Corbillón non ve un favorito claro: "Todos os que estamos aí merecémolo. Ao final, a eliminatoria decidirase por detalles".




