A Comisión da Xuventude de Teixeiro presentou oficialmente o cartel das festas de xullo de 2026. Esta cita anual converterá de novo a Curtis nun punto de referencia do verán galego, cun programa que inclúe música, verbenas e grandes espectáculos.
As celebracións, que se estenderán do 16 ao 19 de xullo, contarán coa presenza de tres das orquestras máis recoñecidas de Galicia: Olympus, Panorama e O Combo Dominicano. Estes nomes, referentes da música de verbena, agárdase que atraian a miles de asistentes durante a fin de semana festiva.
O cartel complétase coas actuacións de grupos como Festicultores, Unión e Forza, Os Coleguitas, Aché e Trébol. Ademais, haberá sesións vermú e charangas que animarán as rúas ao longo das catro xornadas.
Dende a organización subliñan o importante esforzo realizado nos últimos meses para organizar estas festas, que cada ano gañan máis repercusión. Agradecen tamén o apoio e a colaboración recibida en cada evento.
A comisión reitera o seu obxectivo de "deixar Teixeiro á altura do que se merece" e consolidar as festas da Xuventude como unha das citas máis importantes do verán na comarca.




