Este pacto, froito de meses de negociacións, busca poñer fin á inestabilidade e aos problemas xurídicos e económicos que arrastra o complexo hoteleiro desde hai anos. A nova compañía asumiría a xestión do hotel, o restaurante e o aparcadoiro subterráneo, servizos que actualmente están pechados ou nunca chegaron a funcionar plenamente.
O Goberno local informou aos grupos da oposición sobre os detalles destas conversacións, destacando a importancia de revitalizar o complexo. A proposta inclúe a legalización e posta en funcionamento do aparcadoiro subterráneo, unha demanda importante na cidade.
“"Trátase dun paso importante para desbloquear unha situación que non foi a máis adecuada nestes últimos anos. É sumamente importante para Betanzos. Agora, en principio, danse as circunstancias adecuadas para reverter un problema que este Concello tiña desde hai anos."
A rexedora subliñou que este acordo permitirá contar con todos os servizos do complexo, incluído o aparcadoiro, nunha cidade con crecemento turístico e unha notable demanda de prazas hoteleiras. A proposta deberá ser referendada polos técnicos municipais e, posteriormente, elevada a aprobación plenaria para a súa conformidade definitiva.




