A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Coirós, Francisco Quintela Requeijo, avaliaron hoxe en Santiago de Compostela as posibilidades de acometer medidas para optimizar a rede de abastecemento do municipio.
Ángeles Vázquez comprometeuse a estudar o proxecto que o alcalde presentou a Augas de Galicia para mellorar as condicións de almacenamento de auga desta localidade coruñesa.
O obxectivo, segundo explicou o alcalde no encontro, é dar resposta ao incremento da demanda de auga potable como consecuencia do aumento da poboación e da expansión do parque empresarial, coa implantación de novas industrias con elevado consumo de auga.
A Xunta de Galicia, a través da consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, presta apoio técnico e económico aos concellos galegos para contribuír a que exerzan as súas competencias en materia de saneamento, depuración e abastecemento de augas de xeito eficiente e presten servizos de calidade á súa veciñanza.




