A gala, presentada por Tone Martínez e Alba Bermúdez, de Galeatro, contou coa participación de Alba Bermúdez, quen recordou os seus inicios no certame cando era nena. "Quen sabe se estes nenos e nenas traballarán no teatro ou na radio no futuro", comentou a actriz carballesa.
O certame, que busca promover o teatro entre os máis novos, tivo a colaboración de Radio Nordés Cadena Ser e o apoio económico da Libraría Brañas Verdes para os premios, destinados a libros e material didáctico. A organización agradeceu o compromiso de Ramón Tasende, da Libraría Brañas, pola súa colaboración durante os 25 anos do concurso.
O FIOT destacou a implicación dos centros educativos e do profesorado nesta iniciativa. Os gañadores foron anunciados nas dúas categorías establecidas.
Na 1ª categoría (Educación Infantil e Primaria), o primeiro premio foi para Os Cristinatreiros (CEIP A Cristina) pola obra Contos fóra de conto. O segundo premio recaeu en Samaritas e Samaritos (CPI Cabo da Area) con Memorias dun neno labrego en Ceuta, e o terceiro en A Cuarta Revolta (CEIP As Revoltas) con O caso do pronome átono.
Na 2ª categoría (Educación Secundaria), o grupo Revoltoxos (CEIP As Revoltas) alzouse co primeiro premio pola obra Resurrección artificial. O segundo posto foi para Nenos do futuro (IES Eduardo Pondal) con Memorias dun neno cibernético, e o terceiro para Rebolondas (IES Eduardo Parga Pondal) con Unha nova ollada.




