A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto co alcalde de Laxe, Francisco Charlín, visitou hoxe o novo Punto de Atención á Infancia (PAI) situado na Praza dos Voluntarios. Este servizo, que xa conta con 12 menores admitidos e 20 prazas dispoñibles, ten como obxectivo facilitar a conciliación das familias do municipio.
Belén do Campo destacou a posta en marcha deste recurso como un paso importante para dar resposta ás necesidades das familias de Laxe, subliñando a importancia de sumar iniciativas que favorezan o benestar infantil e a conciliación da vida familiar e laboral.
Na provincia da Coruña, a rede de atención á infancia complétase con 61 centros (50 escolas infantís e 11 PAI) distribuídos en 46 concellos, que suman un total de 3.743 prazas públicas. Na comarca de Bergantiños-Costa da Morte, a oferta inclúe tamén escolas infantís en Cabana de Bergantiños, Cee, Corcubión e Vimianzo, alcanzando agora as 197 prazas públicas gratuítas co novo PAI de Laxe.
A delegada lembrou a iniciativa pioneira da Xunta de Galicia de ofrecer educación infantil gratuíta de 0 a 3 anos, que beneficia a máis de 32.000 familias galegas cun investimento de máis de 65 millóns de euros. Esta medida, que permite ás familias aforrar ata 4.000 euros anuais, sitúa a Galicia á vangarda en escolarización nesta etapa e busca manter o liderado a nivel nacional no curso 2026-2027.
Belén do Campo recalcou que a gratuidade da educación de 0 a 3 anos apoia directamente ás familias, facilita a conciliación e garante a igualdade de oportunidades, asegurando que "ningún neno ou nena quede atrás por motivos económicos".
Ademais, anunciou un novo programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos en toda Galicia, cun investimento próximo ao millón de euros, destinado á mellora e acondicionamento dos centros. A estas accións súmanse outros programas como as Casas Niño, o Bono Concilia Familia ou a Tarxeta Benvida.
A aposta pola gratuidade educativa tamén se estende á universidade, coa matrícula gratuíta en estudos de grao e Ensinanzas Artísticas Superiores desde o curso 2024-2025, beneficiando a preto de 20.000 estudantes. A Xunta consolida así unha educación gratuíta dende o inicio ata a universidade, co obxectivo de acompañar ás familias e garantir a igualdade de oportunidades.




