Baixo o lema “Alimentos do Mar, alimentos de Vida”, a iniciativa busca concienciar sobre a importancia do peixe na dieta. Nestes puntos, ademais de información, ofreceranse degustacións de produtos do mar elaborados por profesionais da restauración nunha foodbike.
Os participantes tamén recibirán guías sobre propiedades nutricionais e hábitos de alimentación saudables, xunto con vales desconto de 5 euros para mercar en peixerías adheridas á campaña. Os eventos terán lugar no exterior dos centros de saúde, en horario de 11:00 a 13:00 horas, o martes 28 en Carballo, o mércores 29 en Malpica e o xoves 30 en A Laracha.
“"Promover o consumo regular de peixe galego non é só unha decisión dietética, senón tamén unha estratexia de saúde pública baseada na evidencia científica."
O proxecto Pesca Saúde xorde ante o descenso progresivo do consumo de peixe fresco e o aumento de produtos ultraprocesados, unha tendencia asociada a enfermidades cardiovasculares, metabólicas e inflamatorias. O peixe e o marisco son alimentos de alta densidade nutricional, ricos en proteínas de alto valor biolóxico e ácidos graxos omega-3, esenciais para a saúde cardiovascular, cerebral, ósea e inmunitaria.
Ademais dos vales de desconto, que as peixerías comezarán a aceptar a partir do 15 de abril, a campaña inclúe un sorteo dunha degustación para dúas persoas nun local de hostalaría. Para participar, os consumidores deberán acumular tíckets de compra por un valor igual ou superior a 60 euros entre o 15 de abril e o 30 de xuño nos establecementos identificados co distintivo oficial.
O proxecto tamén se estenderá ao sector da hostalaría, colaborando no deseño de menús saudables con produtos pesqueiros locais e de tempada. Celebraranse obradoiros de Batchcooking, unha técnica de organización culinaria, e publicarase un receitario dispoñible na web do proxecto. Pesca Saúde está financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027 a través da Consellería do Mar, e conta coa colaboración da Consellería de Sanidade.




