O sistema eCall permitiu localizar un condutor que sufriu un accidente na AG-55, ao seu paso polo termo municipal de Coristanco. O suceso ocorreu no quilómetro 37,5 da vía, á altura da localidade de Oca, na madrugada deste sábado.
Tras unha comunicación co implicado, este informou aos xestores de emerxencias de que se atopaba atrapado no interior do vehículo. Ata o lugar desprazouse unha ambulancia do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que xa tiña constancia do sinistro.
O 112 Galicia tamén deu aviso aos Bombeiros de Carballo, ao GES de Ponteceso, á Garda Civil de Tráfico e aos efectivos de Protección Civil de Coristanco. Finalmente, os bombeiros confirmaron a excarceración do ferido, quen foi posteriormente evacuado polo persoal sanitario.




