A deputada socialista Patricia Iglesias manifestou o seu descontento despois de que o PP rexeitase no Parlamento de Galicia unha proposta para dotar á comarca deste "recurso sanitario fundamental". Segundo Iglesias, esta decisión ignora as necesidades de 110.000 veciños e veciñas da Costa da Morte e Bergantiños.
“"As probabilidades de supervivencia dun infarto aumentan ao 80 por cento cando son atendidos nos primeiros 3 a 5 minutos, e na Costa da Morte a ambulancia medicalizada tarda preto dunha hora en chegar dende a súa base no Hospital da Coruña."
A responsable socialista puxo como exemplo un recente accidente ocorrido o pasado xoves en Coristanco, onde un veciño de Carballo perdeu a vida e o seu compañeiro ferido tivo que esperar dúas horas pola chegada da ambulancia. Iglesias criticou a "inacción" do PP, acusándoos de non ter unha planificación seria nin unha avaliación transparente dos tempos de resposta, o que, segundo ela, demostra unha falta de vontade política para corrixir esta desigualdade.
A proposta do PSOE, que foi aprobada por unanimidade nos concellos de Carballo, Coristanco e Malpica, e apoiada pola Deputación da Coruña (coa única abstención do PP), foi rexeitada no Parlamento. A deputada tamén sinalou a contradición do portavoz do PP en Carballo e deputado autonómico, Rubén Lorenzo, quen apoiou a iniciativa no seu concello pero non participou no debate parlamentario onde o seu partido votou en contra.
Finalmente, Iglesias denunciou que o PP non prioriza unha ambulancia medicalizada para a Costa da Morte e Bergantiños, alegando falta de recursos, mentres que si os teñen para incrementar os concertos sanitarios.




