A vila de Carballo celebrou a noite de San Xoán cunha gran fogueira deseñada por Maximino Pazos, que este ano tivo como protagonista o histórico trolebús que conectaba a capital de Bergantiños coa Coruña. A festa congregou a centos de persoas que tamén puideron desfrutar da tradicional sardiñada popular, acompañada de chourizos, costela e pan doado polas panaderías locais.
Hoxe, a localidade celebra o día grande das súas festas patronais. A xornada comezou con pasarrúas a cargo da Banda Municipal de Gaitas, o Grupo de Gaitas da AC San Campio de Cances e o Grupo de Gaitas da AC Arume. Ás 12.30 horas tivo lugar a misa solemne na igrexa parroquial de San Xoán Bautista, cantada pola Coral de Bergantiños, e cunha procesión acompañada pola Banda de Música de Cee.
O novo alcalde, Daniel Pérez, presidiu por primeira vez os actos solemnes do San Xoán e realizou a tradicional ofrenda ao patrón. Antes das actuacións nocturnas, unha danza de cabezudos percorreu as rúas da vila. Estas pezas, propiedade do Concello e que se utilizaban habitualmente en celebracións pasadas, foron rescatadas en 2025 e repetiron este ano, a cargo das asociacións de música de baile tradicional de Carballo.
“"A nosa comida gusta porque é boa e abundante"
A partir das 23.00 horas, a Praza do Concello acolleu un dos concertos máis esperados, o de Baiuca. Para pechar a noite, a partir das 00.30 horas, a orquestra Panorama City animou a verbena.




