Este concurso, xa consolidado como unha das propostas educativas máis relevantes do municipio, está dirixido a estudantes de todos os niveis, desde Educación Infantil ata Formación Profesional, dos centros educativos de Coristanco.
O obxectivo principal é manter viva a memoria de Asunción Antelo, coñecida como a Rexoubeira de Bergantiños, unha figura que destacou pola súa arte en madeira, pedra e barro, así como polos seus versos cheos de vitalidade, rompendo barreiras na súa época.
“"Dende o Concello animan ao alumnado a participar nesta iniciativa e poñer toda a súa ilusión en crear, imaxinar e homenaxear a Asunción Antelo."
O certame outorgará un premio por modalidade, categoría e centro, consistentes en libros e material didáctico, cun valor total de 1.000 euros. Os traballos poderán presentarse ata o vindeiro 6 de maio nos propios centros educativos. A entrega de premios celebrarase o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, no salón de actos do Edificio de Servizos Múltiples.
A iniciativa conta coa colaboración dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos CPI Alcalde Xosé Pichel, CEIP Canosa-Rus, CEIP Bormoio-Agualada e CRA A Tarandeira.




