O encontro servirá para que cada rexedor expoña a situación específica do seu concello, así como as posibles consecuencias que este proxecto podería ter sobre o territorio, o medio natural, a actividade económica e a calidade de vida da veciñanza.
A reunión prodúcese nun contexto de preocupación entre as administracións locais e a cidadanía polo avance deste expediente mineiro, que se atopa na fase de investigación, paso previo a unha eventual solicitude de explotación.
Os tres rexedores coinciden na importancia de adoptar unha posición común ante un asunto que transcende os límites dun único concello e que require diálogo, coordinación e unidade institucional. Compartirán información e analizarán as posibles afeccións para defender conxuntamente os intereses dos veciños.
Posteriormente, e atendendo ás singularidades das zonas nas que se realizan as catas en cada concello, cada goberno local adoptará as medidas que considere máis axeitadas para defender os intereses da súa veciñanza e do seu territorio.




