A ampliación, cun investimento total de case 774.000 euros, foi cofinanciada pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e a Fundación ONCE. A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, presidiron o acto inaugural no lugar de Brea.
Grazas a esta reforma, as prazas do centro de atención diurna pasaron de 35 a 70, respondendo á alta demanda existente e á lista de espera da entidade. A Xunta achegou máis de 255.000 euros, mentres que a Deputación financiou con 33.200 euros as obras de reforma e equipamento. A Fundación ONCE contribuíu con 18.588 euros.
A conselleira Fabiola García destacou a "traxectoria exemplar" de Aspaber nestas cinco décadas, subliñando o seu compromiso coa atención integral, a inclusión social e laboral, e o apoio ás familias. A Xunta xa financia 137 prazas nos centros da asociación e reafirmou o seu apoio ás entidades sociais galegas.
Pola súa banda, Valentín González resaltou que Aspaber "demostra que a inclusión se constrúe todos os días" e que o centro é "unha casa aberta, útil e necesaria para Carballo e para toda a comarca".
O proxecto permitiu adquirir novo equipamento para diversos espazos, incluíndo mobiliario, electrodomésticos de cociña e material adaptado. Aspaber atende actualmente a 120 persoas, emprega a 76 e forma a 10 a través da FP Dual Adaptada.




