A reforma e ampliación do centro de atención primaria de Carballo suporá un investimento de 12 millóns de euros por parte do Goberno galego. O novo espazo contará con 25 postos de diálise, o que permitirá tratar anualmente entre 35 e 40 pacientes sen necesidade de desprazarse á Coruña. Destínanse 21 postos para hemodiálise de pacientes crónicos, 2 para pacientes agudos e 2 postos de illamento. Esta mellora beneficiará aos pacientes dos concellos de Carballo, Coristanco, Malpica, A Laracha e Cerceda.
O proxecto, enmarcado na fase 1 do Plan de Infraestruturas sanitarias da Xunta, inclúe a creación dunha área integral da muller, que incorporará unha consulta de obstetricia e rehabilitación de solo pelviano. A área de rehabilitación duplicará o espazo do ximnasio de fisioterapia e sumará 3 novas cabinas de tratamento, mentres que a consulta de reumatoloxía terá un espazo propio.
En canto ás consultas de medicina e enfermería, o CIS de Bergantiños pasará de 14 a 18 consultas de medicina de familia e de 11 a 14 de enfermería. Tamén se ampliará o espazo para urxencias cunha nova sala. Estas ampliacións liberarán espazos do Punto de Atención Continuada, que poderá dispoñer dunha nova consulta de medicina e unha área de recepción independente.
Ademais, a área de saúde mental contará cunha nova consulta de psiquiatría e outra de docencia. Na área de oftalmoloxía habilitarase un gabinete de exploración e crearase unha área de docencia multiprofesional con aula de formación e consultas para medicina e enfermería. A área de especialistas tamén se verá reforzada cunha consulta de enfermería e outra de cirurxía.
A reforma implicará un crecemento de máis de 1.800 m2 para o centro, grazas á cesión municipal dunha superficie total de 3.870 m2. Tras a aceptación dos terreos, formalizarase a cesión en escritura pública. O Servizo Galego de Saúde prevé licitar a redacción do proxecto e a dirección de obra co obxectivo de adxudicar as obras do CIS de Bergantiños en 2027.




