Máis de 60 persoas asistiron á presentación deste programa, que ten como obxectivo principal "sensibilizar sobre as antigas corredoiras e tamén sobre a lama nos camiños, en contraposición ao chan de asfalto, formigón e zahorra", segundo explicou José Manuel Menéndez, presidente do colectivo. A Primavera en Ruta busca renovar o seu compromiso cunha diagnose do territorio a través de percorridos regulares e visitas interpretativas.
O acto de presentación tivo lugar no Espazo da Natureza de Oza, en Carballo, e contou coa participación dos rapaces e rapazas da Escola Ambiental, que compartiron as súas actividades. Tamén estiveron presentes representantes dos concellos colaboradores de Carballo, A Laracha e Malpica de Bergantiños, así como membros de Enxeñería sen Fronteiras e outras entidades.
“"É importante a axuda na difusión e coordinación da Escola Oficial de Idiomas de Carballo que, xunto coa labor de Protección Civil de Carballo, apoian cun importante esforzo."
Este ano, Senda Nova impulsou a participación doutras entidades locais como o Colectivo Veciñal de Brenlla e Ferreira de Coristanco, a A. V. de Aldemunde de Arriba e Veciños polo Rural de Cerceda. Tamén se uniron Verdegaia, a Escola Oficial de Idiomas de Carballo e colectivos de fóra de Galicia, como Bierzo Aire Limpio. Destácase o apoio vital dos concellos de Carballo, Laracha, Malpica de Bergantiños, Zas e Trazo.
A 17ª edición da Primavera en Ruta inclúe oito roteiros que suman un total de cen quilómetros. O programa comezará o vindeiro domingo, día 19, co roteiro O Son do Anllóns, que percorrerá "corredoiras antigas de lama" por terras de Carballo e Coristanco. Outras rutas destacadas son Camiños de Aldemunde (día 26), Costa agreste de Cerqueda e Cambre (3 de maio), a Ruta das Mámoas (10 de maio), o Coristanco histórico (17 de maio), A forza do río Chonia (24 de maio), Camiños de Caión (31 de maio) e Terras altas de Soneira (7 de xuño).
As inscricións para participar pódense realizar na Base de Protección Civil de Carballo, no departamento de Cultura e Deportes do Concello da Laracha, na casa do concello de Malpica de Bergantiños, no Espazo da Natureza de Oza e na Escola de Idiomas de Carballo, ata dous días antes de cada roteiro. Os prezos varían entre os 4 e os 6 euros para os socios de Senda Nova, mentres que os non asociados deberán aboar 6 euros os menores de idade e 8 euros os maiores.




