Ana Pontón fixo un chamamento á cidadanía para defender a ría de Arousa e esixir o enterramento definitivo destes proxectos. "É moi importante que haxa unha mobilización masiva para defender a ría de Arousa, para dicir que non queremos a mina de Touro e para esixir que se enterre definitivamente o proxecto de Altri", sinalou a líder nacionalista en declaracións aos medios.
Pontón pediu á Xunta que "denegue" todas as autorizacións e permisos ao proxecto da "macrocelulosa" e que paralice o da "megamina", que considera que a administración autonómica "quere resucitar" a pesar da súa "grave afección medioambiental". Lembrou que as mobilizacións cidadás xa conseguiron "un parón importante" ao proxecto de Altri en Palas de Rei, pero advertiu de que "se non lle denegan todas as autorizacións e permisos, a pasteleira podería recuperalo no futuro".
A portavoz do BNG criticou tamén o proxecto da mina de Touro-O Pino, rexeitado en 2017 e que agora a Xunta "quere resucitar". Considerou "a primeira proba" de que o PP "non está nin do lado da xente do mar, nin do lado de quen di non á mina" o feito de que se lle dea a cualificación de proxecto industrial estratéxico.
Pontón tamén recordou que a mina tivo unha "declaración de impacto ambiental negativa" e que o proxecto actual é "máis grande, ocupando máis superficie e coa mesma mina a ceo aberto". Preguntou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "se viviría coa súa familia ao lado dun depósito de residuos mineiros que ten 80 metros de altura e tres quilómetros de lonxitude".
Finalmente, subliñou que "un goberno responsable estaría coidando o medio ambiente e esta ría, cun plan de rexeneración integral, e non poñendo máis ameazas sobre os ombreiros de toda a xente que vive da ría de Arousa".




