O evento, organizado pola librería Aira das Letras e o Concello de Allariz, servirá como punto de encontro para creadores e lectores de todo o territorio nacional. Entre os participantes atópanse figuras como José Ignacio Carnero, Koldo Concejo, Tensi Gesteira, Juan Gómez-Bárcena, Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez.
A xornada inaugural, o venres 3 de xullo, contará coa conversa entre José Ignacio Carnero e Juan Gómez-Bárcena baixo o título “O peso da verdade na ficción e viceversa”. A partir das 19:30 horas, abordarán as conexións entre historia, memoria, realidade e invención literaria.
O sábado 4 de xullo comezará co encontro “Novas olladas, inquedanzas e temas na literatura actual” ás 12:30 horas, protagonizado por Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez, quen expoñerán as preocupacións e perspectivas das novas xeracións de escritoras. Pola tarde, Koldo Concejo e Tensi Gesteira analizarán “A difusión da literatura nas redes: Novas linguaxes e novos obxectivos”, explorando o papel das redes sociais na promoción da lectura e os novos formatos comunicativos. A xornada culminará cunha mesa redonda con todos os convidados sobre a relación entre a pulsión creativa e a expectativa do público.
Ademais das conversas, o domingo 5 de xullo celebrarase na praza do Matadoiro a Feira de Editoras, aberta de 11:00 a 21:00 horas. Tamén haberá unha lectura continuada de obras de Rafael Dieste para conmemorar o 45.º cabodano do seu pasamento.
Con esta programación, o Festival Literario de Allariz busca consolidarse como un referente cultural do verán galego, fomentando o diálogo aberto arredor da literatura, a tradución, a edición e a lectura entre autores de distintas xeracións.




