A partir do mes de outubro de 2026, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO de Vigo pon en marcha a oitava edición do seu Club de Lectura #BiblioMARCO. A actividade, concibida como un espazo de encontro e intercambio de experiencias para persoas interesadas na relación entre a literatura e a arte, ofrecerá tres novos grupos: dous presenciais e un virtual. Cada grupo terá unha capacidade máxima de 16 participantes.
As sesións terán lugar unha vez ao mes, de 19.00 a 20.30 horas, na sala #BiblioMARCO (1º andar) ou a través de Zoom para a sesión virtual. O prazo de inscrición abrirase o mércores 16 de setembro ás 9.00 da mañá e as solicitudes deberán enviarse exclusivamente por correo electrónico a [centro.documentacion@marcovigo.com](mailto:centro.documentacion@marcovigo.com), indicando nome, apelidos, teléfono de contacto, grupo/s de preferencia e se son membros da AAM. Non se terán en conta as solicitudes recibidas antes desa data e horario.
Os eixes argumentais das novelas escollidas están relacionados coa arte nas súas distintas manifestacións. Cada sesión complétase con material de apoio e catálogos que establecen conexións con obras e movementos artísticos, música e cinema, convertendo o club nunha experiencia que afonda na creación contemporánea. Ademais, as sesións compleméntanse con actividades paralelas, como percorridos por mostras, proxeccións de filmes ou visitas guiadas a exposicións.
A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO, situada no primeiro andar do museo, é un servizo de entrada libre con fondo bibliográfico sobre a arte do século XXI e a cultura contemporánea. O seu horario é de martes a xoves de 11.00 a 14.15 e de 17.00 a 20.00, e os venres de 11.00 a 14.15 (agás festivos).




