A titular de Medio Rural, María José Gómez, anunciou este venres o desenvolvemento dun novo pastizal en terreos de monte veciñal en man común de Barrio, Carballeira e Casanova. A inversión achegarase aos 190.000 euros e abranguerá unha superficie de 29 hectáreas.
Segundo detallou a Xunta nun comunicado, a nova infraestrutura incluirá traballos de desbroce, encalado, abonado e sementeira. Ademais, prevese a construción dun peche gandeiro, a instalación de portas, unha manga de manexo e un abrevadeiro.
A conselleira sinalou que este pastizal proporcionará aos veciños da zona unha maior base territorial para o seu gando, ao tempo que contribuirá ao control da vexetación, o que axuda na prevención de incendios.
A Xunta reafirma así a súa intención de seguir colaborando cos propietarios do monte a través de iniciativas como esta, co obxectivo de garantir un rural "máis produtivo, protexido e con futuro".
Está previsto que ao longo deste ano se poñan en marcha novos pastizais nas catro provincias galegas, sumándose a este proxecto en Xunqueira de Espadanedo o anunciado recentemente en Viveiro.




