A iniciativa busca encher de simboloxía e mensaxes a prol da diversidade, liberdade e o respecto as rúas de Allariz, convertendo o municipio nun espazo máis acolledor e comprometido cos dereitos de todas as persoas. Esta é a terceira edición deste certame que xa se converteu nunha cita habitual na localidade.
O certame está aberto a toda a participación do municipio e divídese en tres modalidades: Escaparates e Interiores para locais de hostalaría e comercio; e Balcóns e ventás, dirixido á veciñanza en xeral. Os participantes terán total liberdade á hora de empregar elementos decorativos e artísticos relacionados coa diversidade afectivo-sexual e de xénero.
A valoración das propostas gañadoras terá en conta a orixinalidade, a mensaxe de inclusión e, de forma destacada, a utilización de materiais de refugallo, promovendo así a sostibilidade. As decoracións deberán estar montadas o 20 de xuño ás 12:00h, data límite para formalizar a participación cunha fotografía da decoración enviada ao correo igualdade@allariz.gal. As mostras deberán permanecer expostas ata o 8 de xullo.
O xurado avaliará os finalistas o 27 de xuño, mentres que o día grande do Orgullo, o 28 de xuño, anunciaranse as propostas premiadas. A entrega de premios, un por categoría, terá lugar o 8 de xullo. O certame conta co patrocinio de Fío de Liño, Teresa Quintana, Eurostars Vila de Allariz, Helen Aramburu e Dual Sistemas.




