O Alcalde da Cañiza, Luis Piña, recibiu este luns na Casa Consistorial ao Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Pablo Fernández. Tras un encontro de traballo, ambos desprazáronse ao Parque Empresarial Uceira para coñecer o avance das obras de mellora do alumeado.
Esta actuación conta cun investimento total de 48.337,54 euros. O 80% deste importe, 38.670,03 euros, é financiado pola Consellería de Economía e Industria, mentres que o 20% restante, 9.667,51 euros, provén de fondos propios do Concello.
As obras, adxudicadas á empresa Construelectric Systems Galicia, S.L. por 41.158,00 euros, inclúen a substitución das actuais luminarias por 12 novas luminarias LED de 55 W, máis eficientes e con menor contaminación luminosa. Tamén se renovarán soportes, caixas de conexión, instalaránse novas columnas e substituiranse os tendidos aéreos por cableado soterrado. Inclúese un novo cadro de mando e sistemas de regulación.
A renovación permitirá un aforro enerxético do 78%, pasando dun consumo estimado de 7.308 kWh anuais a 1.627 kWh, o que supón un aforro económico de 1.420 euros anuais. Estímase ademais unha redución das emisións de gases de efecto invernadoiro de arredor de 3 toneladas de CO₂ ao ano.
Antes da visita ao parque empresarial, o Alcalde trasladoulle ao delegado territorial diferentes cuestións que afectan ao Concello e aos servizos públicos municipais, como as dificultades para exercer competencias en servizos sociais e sanitarios, o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o funcionamento das escolas infantís e a necesidade de recursos e financiamento suficientes.
Tamén se tratou a prevención e actuación fronte aos incendios, así como a estrutura de medios e recursos para afrontar este servizo. Ademais, informouse sobre a recente xuntanza co xefe territorial de Educación, César Ares, na que se abordaron a renovación da cuberta do pavillón do CPI da Caniza, a substitución da cuberta do Centro de ESO e a necesidade de potenciar o CEIP de Touzosas-Valeixe.
Por outra banda, Luis Piña trasladou a necesidade de mellorar o vial da estrada autonómica PO-406, no tramo urbano entre o cruce do Xatomé e a rotonda do Cristo, debido ao seu avanzado estado de deterioro.
Tras a visita, o Alcalde amosou a súa satisfacción polo encontro e agradeceu a presenza do Delegado Territorial no municipio.




