O Alcalde, Luis Piña, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, María José Rodríguez, e polo Concelleiro de Cultura, Rubén Muiños, asistiu a un evento que reuniu sobre a pasarela as coleccións propias das alumnas e alumnos do curso, xunto ás propostas de novos deseñadores e creadores vinculados aos obradoiros de Cristóbal Vidal e a diferentes centros de formación especializados.
Presentáronse diversas coleccións que combinaron estilos, técnicas e formas de entender o deseño e a moda, ofrecendo ao público unha ampla mostra do traballo desenvolvido arredor do deseño, o patronaxe e a confección. Desfilaron alumnas do curso e tamén de centros como Mestre Mateo e Texmoda-Goymar Vigo, con proxectos de África Álvarez e Rebeca Raña, respectivamente.
Tamén houbo espazo para creadores como Sofía Gándara Bastero, cunha colección inspirada no animalario de Galicia; Iago Iglesias, que repetiu participación; Noé Barros, de once anos, cunha colección infantil sen xénero; Alba Cayetano, cunha proposta reivindicativa e intercultural; Estela Vázquez, con creacións inspiradas nos cadros escoceses e nos Burberry para outono-inverno; e David Morice, cunha colección de roupa vaqueira con elementos de metal.
A pasarela contou coa participación da deseñadora convidada Lorena Rodríguez, que presentou vestidos de festa, e Mariana Venditti, encargada de pechar o desfile con tocados para noiva e noivo, ademais de creacións de Cristóbal Vidal para cerimonia.
Un dos momentos máis destacados foi a presentación da nova colección de Cristóbal Vidal para a tempada Outono-Inverno 2026/27, que recibiu unha gran ovación do público. Tras o desfile, presentado por Amparo Rodríguez Ojea, tivo lugar a entrega de diplomas correspondentes ao curso 2025/2026 e ao curso de verán.
O Alcalde Luis Piña felicitou a todas as alumnas e alumnos polo traballo e as súas creacións, destacando o esforzo e creatividade. Tamén recoñeceu de maneira especial a Cristóbal Vidal polo seu labor formativo e creativo nos obradoiros da Casa da Cultura, valorando a continuidade deste proxecto na Cañiza desde hai quince anos.




