O alcalde, Luis Piña, recibiu onte as sete desbrozadoras da marca Husqvarna que se sumarán ao parque de maquinaria municipal. Estes equipos reforzan os labores de limpeza, roza e mantemento de cunetas, fincas, montes e outras áreas con vexetación.
O subministro foi adxudicado á empresa Maquinaria Agrícola Carpintero, S.L., por un importe de 6.310,15 euros (IVE incluído). Esta compra forma parte dun proxecto municipal de adquisición de maquinaria para a protección do medio ambiente, subvencionado con 78.869,23 euros do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia para 2026.
A incorporación destes equipos permitirá aumentar a capacidade de traballo dos servizos municipais, mellorar a atención das necesidades de mantemento do territorio e reducir os tempos de resposta. Tamén facilitará que o persoal municipal realice tarefas de desbroce directamente, diminuíndo a dependencia de medios externos cando sexa posible. Ademais, a actuación contribúe á prevención de incendios forestais mediante o control da vexetación e a redución da acumulación de maleza.
As sete unidades son do modelo Husqvarna 545RX, deseñadas para traballos esixentes. Dispón dun motor de 2,1 kW, 45,7 cm³ de cilindrada, un ancho de corte de 49 cm e un tubo de 1.465 mm de lonxitude. Inclúe manillar regulable, arnés ergonómico Balance X e sistema de amortecemento LowVib para maior comodidade e manexabilidade.
A adquisición tramitouse mediante procedemento aberto simplificado, conforme á Lei de Contratos do Sector Público. A licitación publicouse na Plataforma de Contratación do Sector Público. Os criterios de adxudicación incluíron o prezo (78 puntos), a ampliación do prazo de garantía (ata 12 puntos) e a mellora do prazo de entrega (ata 10 puntos).
O contrato dividiuse en dous lotes: un para un remolque lavacontedores (71.390 euros), recepcionado o 19 de outubro, e outro para as sete desbrozadoras (6.310,15 euros).




