O alcalde de A Caniza, Luis Piña, presentou a oferta do municipio no acto celebrado ás 12.00 horas, acompañado polas tenentes de alcalde María José Rodríguez e Paula Bacelar, e polo equipo técnico do stand. A feira, acreditada como a única feira internacional de turismo gastronómico da Península Ibérica, contou este ano con Portugal como país convidado.
O espazo municipal centrouse na riqueza dos produtos locais, destacando a Feira do Xamón. Os asistentes puideron degustar embutidos, queixos de Castro Xaneiro, pan de Pandereta, mel de apicultores locais, viños de Eido da Fonte e Abelán, así como caracois de ComeCois e marmeladas de A Raposeira.
“"Galicia e Portugal comparten unha fonda cultura gastronómica e o xamón é parte desa identidade que nos une."
A promoción incluíu tamén os atractivos paisaxísticos, como as rutas de sendeirismo e o miradoiro do Montouto, acreditado o 10 de agosto como o primeiro Parque Estelar de Galicia pola Fundación Starlight. O alcalde destacou a importancia de Ourense como aliada estratéxica e convidou a visitar o municipio para probar os tradicionais cocidos.




