A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, presidiu hoxe a última sesión deste ano do Observatorio da Vivenda de Galicia. Durante o encontro, deu conta das principais liñas orzamentarias para o vindeiro ano, destacando o papel do Observatorio como espazo de diálogo e a aprobación do II Pacto de Vivenda de Galicia, unha ferramenta que permite adaptar as políticas públicas ás necesidades reais.
O orzamento global de 520 millóns de euros inclúe os 326 millóns destinados á construción de vivenda pública, que se acompañarán de modificacións normativas para incrementar a oferta tanto pública como protexida. Ademais, os programas de axudas contarán cun orzamento de 151 millóns de euros, enfocados a facilitar o acceso á vivenda e a fomentar a rehabilitación, rexeneración e renovación urbana.




