Segundo informou a Xunta de Galicia, a xornada tivo como obxectivo achegar ao sector comercial os instrumentos de apoio da iniciativa autonómica, tanto para a creación de novos negocios como para a consolidación dos xa existentes. O director xeral incidiu na importancia de fomentar estes espazos de intercambio para poñer en común experiencias e detectar novas vías de cooperación.
Entre os recursos presentados, destacou especialmente o servizo de remuda, que facilita o contacto entre negocios que buscan continuidade e persoas interesadas en asumilos, un proceso que conta co respaldo económico do Bono Remuda. A programación completouse coas intervencións de varios comerciantes e cun espazo de networking para reforzar as relacións entre os participantes.




